CRTVG

Buscar

Reabre o cámping de Muros tras daren negativo traballadores e usuarios

Publicado o 17/08/2020 20:53

O cámping San Francisco de Muros está de novo aberto ao público Todas as persoas que traballan ou veranean nel deron negativo en coronavirus. O gromo que se detectou no lugar hai uns días deixa, ata o momento, 7 positivos, pero todos están illados nas súas casas. Este volve ser un lugar seguro. 

Rosa Figueroa, xerente do cámping: "Despois de pasar uns días duros, temos unha boa noticia, que é que todas as PCR de onte, 69, deron negativas. Máis que preocupados, estamos atentos a un posible novo contaxio".

Na provincia de Ourense hai nestes momentos 114 casos de covid-19. Nas últimas horas rexistrouse un gromo no concello de Laza. En total afecta 6 persoas. Todas están illadas na casa e en seguimento médico.

Moncho Barreal, alcalde de Laza: "Do gromo non temos unha orixe coñecida en si. Agora estase a facer o rastrexo para saber con que persoas estiveron e se é necesario realizar PCR para descubrir posibles contaxiados".

En Melide detectáronse esta tarde dous gromos, un afecta 3 persoas dunha familia, e outro que afecta catro amigos. Con eles, na área de Santiago hai un total de 70 infectados.

Na provincia de Lugo hai en total 110 persoas con coronavirus. Esta fin de semana detectouse un gromo en Pedrafita. Dos 34 veciños que son na parroquia afectada, seis deron positivo. A área de Vigo ten 139 afectados, a de Pontevedra 70 e a de Ferrol 53.

Noticias web

17/08/2020