Reabre o Camiño Inglés cun percorrido simultáneo en varios treitos

O Camiño Inglés queda oficialmente reaberto desde este sábado. O acto de reapertura desta ruta, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, contou coa participación nun percorrido desde Sigüeiro do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, o vicepresidente da Deputación e os alcaldes de Oroso e Santiago.
O percorrido promocional pretende animar a peregrinar facendo fincapé na seguridade sanitaria que se ofrece na ruta e nas instalacións do Camiño, coma os albergues. Simultaneamente a este acto, os concellos pertencentes á Asociación de Concellos do Camiño Inglés participaron na andaina “Primavera no Camiño”, unha actividade que consistiu en percorrer desde cada concello o tramo local do Camiño Inglés.