CRTVG

Buscar

Reabre Lobios tras quince días de confinamento polo coronavirus

Publicado o 05/06/2021 14:52

O concello ourensán de Lobios saíu hoxe do nivel máximo de restricións, e xa se notou na afluencia de visitantes.

José Luis prepara a prancha. Hoxe conta facer caixa para o xantar tras unha temporada especialmente dura: "Hai que empezar pouco a pouco porque a xente non sabe nin que estamos abertos: uns días abrimos e outros pechamos...".

Entre os primeiros clientes da vila, estes tres portugueses que percorren o Xurés coas mochilas ás costas: "Levamos bebido moita auga das fontes do Xurés. Xa apetece unha cervexa", ri un deles.

Tamén hai actividade nos comercios e supermercados.

 "Alégrome polos negocios, porque é un ben para eles e para todo, comenta unha veciña.

Os excursionistas paran por avituallemento, camiño das termas. Outra vez, matrículas portuguesas: "Aproveitar. Eu xa quería vir ao Xurés para coñecer iso".

Tamén os veciños saen por fin das casas, a tomar unha tapa e ter unha conversa con veciños non conviventes.

"Esperemos que vaia ben a partir de hoxe", di un veciño.

Segue habendo restricións, pero de nivel medio, coa hostalería ao 30 % no interior.

Mari Carmen Yáñez Salgado, alcaldesa de Lobios: "Para nós este é o momento de engalar turisticamente e xa se empeza a ver movemento".

O pico desta onda, a máis grave que viviu Lobios en toda a pandemia, foi de 21 casos. Hoxe, hai 4.

Noticias web

05/06/2021