CRTVG

Buscar

Reabre o túnel da A-52 na Cañiza, tres meses despois do seu peche

Publicado o 29/04/2021 20:16

O túnel do Folgoso, na Cañiza, reabriu. O paso permanecía pechado desde xaneiro polos desperfectos que causara o incendio dun camión. Desde entón, os vehículos que ían de Vigo a Ourense pola autovía debían desviarse neste punto pola estrada nacional. 

Os traballos tiveron que realizarse para reparar os danos rexistrados como consecuencia do incendio sufrido por un camión o día 25 de xaneiro de 2021 no punto quilométrico 280+720 (na marxe esquerda) da autovía A-52, e para emendar unha situación de grave perigo. O importe das obras ascende a 2.407.661,18 euros.

A reapertura foi supervisada polo secretario de Infraestruturas do Ministerio dende o centro de control dos túneles da Cañiza, onde explicou a complicación técnica das obras para habilitar de novo os carrís. Tamén participou no acto o delegado do Goberno.