CRTVG

Buscar

Reabre a hostalería en toda Galicia menos nos dez concellos que seguen en vermello

Publicado o 26/02/2021 08:43

Amencemos coa hostalería aberta, e nestas primerias horas xa se pode almorzar nun bar. Isto é así en toda Galicia salvo nos dez concellos que continúan coas máximas restricións.

Ademais, ás portas da fin de semana, os desprazamentos serán posibles entre municipios de nivel tres por toda a comunidade autónoma. Haberá reencontros. Recorden, no nivel dous só se poden visitar os concellos da mesma área sanitaria.

A hostalería será o cambio máis visible. Na maioría dos concellos, que son os de nivel 3, cunha incidencia inferior a 250 casos por cada cen mil habitantes, abren dentro a un 30 por cento de ocupación e na terraza ao 50 por cento. E nos concellos de nivel 2, os que teñen entre 250 e 500 casos por cada cen mil habitantes, só abren as terrazas ao 50 por cento. A barra, de momento, segue vetada, e a hora de peche mantense ás seis da tarde.

Poderemos tomar un café, ou o xantar, con algún amigo ou compañeiras do traballo. Permítense as reunións de ata catro non conviventes, tanto nos concellos de terceiro nivel coma nos de segundo.  Tamén poderemos practicar deporte xuntos, ata catro e con máscaras, en exterior e en interior. Reabren as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas.

E tamén os centros comerciais, pero só poderemos visitar aqueles que queden nun concello do noso mesmo nivel de desescalada. Galicia segue pechada cara ao exterior, pero dentro a maioría dos cidadáns pode moverse con liberdade entre concellos do mesmo nivel, con tres excepcións: nos concellos das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra, en que a presión asistencial é máis preocupante, non se pode saír das súas respectivas áreas. No resto, si se permiten movementos interprovinciais.

Noticias web

26/02/2021