CRTVG

Buscar

Ratificada a pena de morte para o español condenado en Tailandia por asasinato

Publicado o 20/11/2019 14:03

A Corte Suprema de Tailandia ratificou a pena de morte para o español Artur Segarra, acusado de secuestrar e matar en Bangkok o tamén español David Bernat. Segarra ten agora unha última oportunidade de librarse da pena capital solicitando o perdón da casa real tailandesa. 

Artur Segarra escoitou hoxe como a última instancia xudicial tailandesa ratificaba a súa condena de morte.

Nas únicas palabras que pronunciou, o español dixo que non era ningunha sorpresa a decisión da Corte Suprema porque nunca tivo un xuízo xusto.

Os maxistrados consideran probado que Segarra secuestrou e asasinou no seu piso de Bangkok o tamén español David Bernat en xaneiro de 2016. O motivo sería un intento de roubo accedendo á conta corrente que a vítima tiña nun banco de Singapur.

O corpo despezado de Bernat apareceu en varios treitos dun río que atravesa a capital tailandesa.

Segarra asegurou ser vítima dunha trama orquestrada pola súa ex-moza, que no xuízo declarou contra el.

O Tribunal Supremo informou a Bernat que ten aínda unha última oportunidade de evitar a pena capital: solicitar o perdón da Casa Real tailandesa para que lla conmute por cadea perpetua.

Segarra, de 40 anos, leva case catro encarcerado e a medida de graza permitiríalle, unha vez cumpridos oito anos de cadea, solicitar a súa extradición a España para cumprir a súa condena.

Noticias web

20/11/2019