CRTVG

Buscar

Ramón Tojeiro, Asociación de Afectados polo Amianto: "As administracións están ignorando que este problema é grave, só en Ferrol morren unhas 30 persoas ao ano"

Publicado o 31/07/2019 10:31

Os últimos problemas que provocou o amianto no metro de Madrid, incluso con peche de estacións, volveu pór no punto de mira este material. Aquí en Galicia, só na comarca de Ferrol, hai uns 7.000 afectados que seguen esperando unha solución.

En Madrid, a Fiscalía denunciou sete responsables do metro da capital por homicidio imprudente. En Galicia, Ferrol é a comarca máis afectada polo amianto.

María Calvo entrevista a Ramón Tojeiro, presidente da Asociación Galega de Vítimas de Amianto. Esta asocición leva décadas loitando para que aos afectados do amianto se lles recoñeza enfermidade profesional. A súa primeira loita foi demostrar que as súas patoloxías tiñan relación co polo amianto. Ao principio, "tanto as propias empresas como a propia Adminstración de Traballo negaban que houbese exposición ao amianto".

"En Ferrol falamos de xente do sector naval, e ten que haber xente doutros sectores, e só en Ferrol estamos na media de 3 millóns de euros anuais de indemnizacións. No 99 por cento dos casos os xuíces condenan a empresa por falta de medidas de seguridade, cando desde o ano 41 había medidas para protexer os traballadores, había normativas e as empresas ignorárono". "Nós pretendiamos que os responsables fosen ao cárcere, pero a Fiscalía dinos que prescribiu esa posibilidade". "Lamentablemente, moitos compañeiros falecen antes de ver a sentenza favorable".

En Ferrol falecen ao ano unha media de 30 persoas vítimas do amianto, por advestose e por cancro de pleura, que, de momento, sábese que só o produce o amianto.

Desde o ano 2002 está prohibido o amianto, pero segue presente, porque ata o o ano 2006 non houbo ningunha normativa e non houbo un protocolo de desamiantado, e os almacéns o que tiñan en existencias non o retiraron e seguírono metendo no mercado, polo tanto, pode haber en edificios, colexios, hospitais e nas casas.

Un particular non pode retiralo, ten que ser unha empresa especializada, e "moitas veces queda amianto, especialmente no rural, e a xente quítao e pode tiralo por ahí con risco para a cidadanía".

A UE "insta os gobernos dos países membros a que, de aquí ao ano 2030, fagan un desamiantado total das súas cidades. Ata agora todas as administracións están ignorando que este problema é grave".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/07/2019