CRTVG

Buscar

Ramón Izquierdo sobre o Pórtico da Gloria: "A xente vaise sorprender ao velo, verán case unha obra nova"

Publicado o 28/06/2018 11:02
  • "Estamos acostumados a ver o Pórtico en cor gris e agora veremos que non era así realmente. Imos ver unha mestura de varias capas de policromía que nos dará unha idea da riqueza de cores nesta obra mestra".
  • "Creo que a xente se vai sorprender. Primeiro, polo tempo que leva sen velo, xa que se distorsiona a súa imaxe. Segundo, porque poderá descubrir moitos detalles que antes pasaban inadvertidos pola suciedade e pola falta de conservación. Vai ver unha obra distinta, case unha obra nova".
  • "O Pórtico da Gloria é o remate da construción da catedral románica, que se inicia un século antes, cara o 1075, pola cabeceira oriental. Vai avanzando e queda pendente rematar o peche occidental.  O Mestre Mateo desenvolve un proxecto que vai transformar os usos da catedral cara a súa consagración no 1200. Esta é a razón fundamental pola que os Reis de Galicia e de León e o Arcebispo de Santiago deciden rematar a catedral, contratar ao Mestre Mateo para rematar este grandísimo proxecto". 
  • "800 anos despois, o Mestre Mateo continúa sendo o gran artista de Galicia".
  • "O Mestre Mateo concibe, quizais coa axuda dos membros do cabildo, un completísimo programa iconográfico que desenvolve no Pórtico da Gloria e no Coro. O proxecto era un proxecto unitario que transforma a catedral da súa época para uns novos usos, un novo eixo lonxitudinal con dúas imaxes de Santiago Apóstol, unha no Pórtico e ao fondo o Santiago ao que agora se lle dá a aperta". 
  • "O protagonista do Pórtico é a redención do home co triunfo de Cristo". 
  • "Os evanxelistas están cos seus símbolos. Os benaventurados, os que chegaron á gloria, son puros, polo tanto son nenos coroados, porque cando están pasando polos arcos laterais vanlles colocando uns anxos e unhas coroas. Hai 24 anciáns que se preparan para tocar música celestial. Seguimos o relato da apocalipse, tanto nos arcos laterais coma na contrafachada".
  • "Hai diferentes opinións, pero ultimamente os estudos din que o Santo dos Croques é o Mestre Mateo. Isto amosa a importancia deste personaxe, cando na idade media el se representa a si mesmo aos pés da súa obra mestra de xeonllos cara Santiago Apóstol".  
  • "Hai dúas referencias ao Mestre Mateo, as dúas na catedral. A primeira é o documento de Fernando II de Galicia e de León, que vén sendo como o contrato, do 1168. É dicir, punto de partida do proxecto do Mestre Mateo. Nese momento, recoñéceselle como director das obras da Catedral de Santiago. Vinte anos despois, debaixo do tímpano central, hai un dintel cunha inscrición conmemorativa da colocación desa peza na que só aparece o nome do Mestre Mateo".
  • "O Mestre Mateo é un gran innovador para a súa época. Introduce elementos e traballa con cousas que na súa época se estaban facendo nos centros máis avanzados. Elementos que rematan co románico e introducen un novo estilo artístico. Polo tanto, é un personaxe fundamental para a historia da arte". 
  • "É unha policromía orixinal na que predomina o ouro e o lapislázuli, que aínda era máis caro ca o ouro e que viña de Afganistán. É dicir, que se traballou co mellor. No século XVI, cando se modifica a portada, faise unha segunda capa da que hai importantes restos e no barroco, outra capa completa". 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/06/2018