CRTVG

Buscar

Rajoy pídelle aos cataláns que non acudan se son chamados para unha mesa electoral

Publicado o 13/09/2017 14:12

O presidente do Goberno asegurou tamén que a prioridade é a defensa da Constitución

A situación en Cataluña estivo moi presente hoxe no Congreso. O presidente do Goberno dixo que o Executivo traballa para que se cumpra a lei e os dereitos das persoas, e mandoulles unha mensaxe de tranquilidade aos cataláns. Mariano Rajoy pediulles que non acudan se son chamados para unha mesa electoral o 1 de outubro. 

Rajoy fixo estas declaracións despois de responder ás preguntas da oposición na primeira sesión de control do curso parlamentario, moi centrada tamén no tema catalán.

Xa dentro do hemiciclo, o presidente do goberno asegurou que a prioridade agora mesmo non é reformar a Constitución, senón defendela, fronte aos que queren liquidala.

Respondía así ao líder de Ciudadanos, Albert Rivera, que lle pediu actualizar a Carta Magna. Coincide con Rajoy en que agora a prioridade é parar o golpe á democracia, dixo, pero pide que se vaian dando pasos para comezar a reforma.Ademais, Unidos Podemos anunciou que pedirán a comparecencia de Rajoy no Congreso para que explique os seus plans sobre Cataluña, e o deputado de Esquerra Republicana Gabriel Rufián protagonizou outra das súas habituais anécdotas, mostrando unha impresora no pleno para defender o referendo catalán.

A situación de Cataluña foi un dos temas principais na primeira sesión de control ao goberno no Congreso despois do verán. Rajoy di que a prioridade actual é a defensa da Constitución e non descarta reformala, pero máis adiante, con serenidade. Respondía así á petición de Ciudadanos de actualizar a carta magna.

O deputado de Esquerra Republicana Gabriel Rufián, na súa defensa do referendo, pediulle ao Goberno que non persiga impresoras, senón corruptos.

Unidos Podemos anunciou que pedirán a comparecencia de Rajoy para que explique os seus plans sobre Cataluña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2017