CRTVG

Buscar

Rajoy participará na campaña electoral e confía en nova maioría absoluta

Publicado o 14/02/2020 12:45
Rajoy participará na campaña electoral e confía en nova maioría absoluta

O ex-presidente do Goberno e do PP Mariano Rajoy participará nalgún acto de campaña das eleccións galegas, nas que confía en que o candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, volverá conseguir unha nova maioría absoluta para gobernar, segundo fontes da súa contorna.

A presenza de Rajoy nesta campaña será de "perfil baixo", segundo estas fontes, en función do que lle propoñan desde o partido, porque o ex-presidente expresou que estará para o que diga o líder do PP, Pablo Casado, con quen onte compartiu unha comida e coincidiu, posteriormente, nun acto en Madrid.

Casado e Rajoy participaron onte pola noite na presentación da novela Ellas do eurodeputado do PP, Esteban González Pons, no Círculo de Belas Artes de Madrid, un acto que reuniu varios dirixentes do PP con representantes de Ciudadanos e do PSOE.

O ex-presidente do Goberno descartou alí os rumores sobre a súa posible candidatura para a presidencia da Real Federación Española de Fútbol, segundo as mesmas fontes, e chanceou con que se reserva para presidir o Real Madrid.

Rajoy xa estivo presente nas campañas das eleccións xerais de abril e novembro do ano pasado, con varios actos. De feito, reapareceu tras a súa retirada da política nun acto do PP o 12 de abril para arroupar á entón candidata por Pontevedra Ana Pastor, nun mitin en que tamén participou Núñez Feijóo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí