CRTVG

Buscar

Rajoy inaugura a ampliación dos carrís da circunvalación da AP-9 en Santiago

Publicado o 03/01/2018 20:41

O presidente do Goberno inaugurou hoxe a ampliación da autoestrada do Atlántico no treito de circunvalación de Santiago.

Trátase de 8 quilómetros, libres de peaxe, que pasan de dous a catro carrís en cada sentido, con treitos de cinco. A ampliación inclúe un enlace coa A-54 cara ao aeroporto Rosalía de Castro-A Lavacolla e varios viadutos de nova construción. As obras, que custaron 80 millóns de euros, foron executadas integramente por dúas empresas galegas. Mariano Rajoy lembrou que xa está aprobado outro enlace cos polígonos industriais do norte de Santiago, que di qie contribuirá a reducir os atascos e aumentar a seguridade. Alberto Núñez Feijóo asegura que a AP-9 en Santiago é unha infraestrutura "estratéxica" para toda Galicia.

As obras comezaron en febreiro de 2015 e afectaron os oito quilómetros e medio comprendidos entre a saída sur de Santiago, a do Milladoiro, e a saída norte, a de San Lázaro. É un tramo libre de peaxe que moitos condutores usan como circunvalación da cidade, de aí a intensidade de tráfico que soporta: uns 42.000 vehículos ao día de media, con picos de 52.000 coches en xornadas de verán. 

Para aliavar a circulación, ampliouse agora a súa capacidade ata deixala con 3, 4 ou 5 carrís en cada sentido dependendo do tramo. A intervención máis significativa realizouse no viaduto de Angrois, onde xa están operativos 5 carrís en cada dirección. Tamén se executou un ramal que conecta a AP-9 sentido A Coruña coa autovía A-54. É o primeiro paso para facer realidade o chamado enlace orbital, que permitirá, no futuro, unir a autoestrada co aeroporto da Lavacolla, a autovía a Lugo e os polígonos industriais do Tambre e Costa Vella. O Ministerio de Fomento tamén informou que se adxudicarán en breve as obras para enlazar a AP-9 coa Cidade da Cultura. A ampliación inaugurada hoxe, xunto coa remodelación do enlace de Sigüeiro, supuxeron o investimento duns 85 millóns de euros. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/01/2018