CRTVG

Buscar

Rafinha ponlle o ramo á operación retorno

Publicado o 02/09/2019 19:41

O regreso de Rafinha a Vigo ponlle o ramo á operación retorno desta temporada. O Celta pecha de xeito ilusionante un mercado marcado polo regreso dalgúns dos froitos máis prometedores da Madroa. O primeiro en chegar foi Denis Suárez, que tardou tres partidos en reivindicarse con fútbol e goles.

"Coñecía o club e os compañeiros. Estou moi feliz de estar na casa, de estar en Vigo, así que, a seguir", asegura o de Salceda.

O gol de Denis e o pase de Santi Mina, o seguinte en chegar. Lastrado por unha lesión na pretemporada, o dianteiro ultima a súa posta a punto. Pediu Escribá músculo para o centro do campo e Miñambres tróuxolle a Pape Cheikh, outro retornado. Parecía a última incorporación pero...

"E pode ser, depende a ver para o que dea. Ás veces a neveira pódela encher dalgunhas cousas, doutras non", sinalaba o director deportivo celeste.

Pois Miñambres decidiu encher a neveira de talento. Da celebración do gol do empate no Sánchez Pizjuán o Celta ben podería sacar un póster. Denis, Santi Mina e Iago Aspas e o primeiro en festexar con eles Brais. O particular cuarteto saído da Madroa ao que agora se engade o fillo de Mazinho, que non é canteirán pero dende logo si é céltico. A lista da compra de Miñambres conta xa co visto e prace de Iago Aspas.

 

Noticias web

02/09/2019