CRTVG

Buscar

Rafael Louzán senta ante a xustiza "con confianza e tranquilidade"

Publicado o 20/11/2020 10:41

• Enfróntase, coa actual delegada da Xunta en Pontevedra, a tres anos de cadea e 11 de inhabilitación

Arrinca o xuízo contra o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a actual delegada da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro. Acúsanos de fraude e prevaricación, delitos polos que lles piden para cada un tres anos de cadea e nove anos de inhabilitación para emprego ou cargo público, pola adxudicación, en 2011, dunhas obras nun campo de fútbol en Moraña, de onde era alcaldesa Luísa Piñeiro. 

Ás portas do xulgado, Louzán recalcou que "non hai ningún prexuízo para a administración, que é importante cando se trata de responsabilidades públicas", polo que dixo afrontar o xuízo, "en principio, con confianza, con tranquilidade".

O expresidente da deputación entende que se xulga unha "cuestión de tempo e forma", un tema, engadiu, "puramente administrativo".

Louzán mostrouse convencido de que "despois de sete ou oito anos, termina un proceso que acabará en nada. Non hai ningún prexuízo para a administración, que é o que realmente me preocuparía", insistiu.

Ademais, alegou que "se quixésemos cometer algunha irregularidade non chamariamos a prensa a esa visita ás obras, onde se fixeron as fotos. Todo foi con luz e  taquígrafos, que é o que me dá maior tranquilidade", resolveu.

Tras Louzán, a delegada da Xunta en Pontevedra e por entón alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, indicou que confía na xustiza e en que "isto ten que saír ben. Confío en que vaia a quedar en nada", reiterou. 

O que sucedeu, segundo Piñeiro, foi que "houbo unha obra dun campo de fútbol e logo houbo unhas melloras. Todo o que está proxectado está pago e feito. O fiscal terá que demostrar a súa tese. Nós imos demostrar que todo o que está feito está pago. É unha obra cunhas melloras a maiores e nada máis".

Outros seis acusados

No xuízo que hoxe acolle o xulgado do penal número 3 de Pontevedra sentarán no banco dos acusados outras seis persoas, entre eles o responsable da empresa Eiriña, adxudicataria das obras, varios empresarios ou o entón director de infraestruturas da Deputación.

O fiscal pide tres anos de prisión e nove de inhabilitación para Rafael Louzán, Luísa Piñeiro e Manuel  G. J., o director de infraestruturas, por prevaricación e fraude, aínda que os dous últimos só en calidade de  cooperadores necesarios no caso da prevaricación.

As penas solicitadas para os outros cinco acusados oscilan entre os dous e tres anos de cárcere e os tres e catro anos de inhabilitación para obter subvencións ou axudas públicas.

No escrito de acusación, o fiscal fixa o inicio desta actuación irregular en decembro de 2011, cando a Deputación de Pontevedra aprobou un convenio co Concello de Moraña. O acordo tiña por obxecto remodelar o campo de fútbol deste municipio, e supoñía unha achega de case un millón de euros por parte do Goberno provincial máis outros 21.000 euros para a redacción do proxecto.

"Sistema artificioso en fraude de lei"

A actuación financiouse mediante unha subvención discrecional de Louzán, entón presidente da Deputación, e foi adxudicada á empresa construtora Eiriña.

Dous anos despois, a deputación aprobou modificar o proxecto para, segundo asegura o fiscal, abonar uns 86.000 euros á construtora por un sobrecusto relativo a unhas obras non contratadas, a pesar de que a lei impedía pasar o importe da adxudicación.

Segundo o fiscal, ante a negativa dos técnicos da Deputación de aboar ese incremento, os acusados "idearon un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar á empresa Eiriña o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado".

A alcaldesa solicitou unha nova subvención á Deputación para executar unha serie de melloras no vestiario e as bancadas do campo que, engade o fiscal, facían referencia á execución de obras que, polo menos parcialmente, xa foran realizadas.

A pesar de que o proceso de contratación incluíu outras empresas -propiedade de dous dos acusados- como "mero trámite", segundo o fiscal, as obras foron adxudicadas a Eiriña mediante unha partida de libre disposición do presidente para cubrir o sobrecusto inicial, sostén o fiscal no seu escrito.

Noticias web

20/11/2020