CRTVG

Buscar

Rafael Bengoa: "O sector sanitario resístese a facer as transformacións que precisa"

Publicado o 14/11/2019 11:37

O experto en xestión sanitaria Rafael Bengoa asegura que o sistema de saúde español e europeo está en tensión por causas do incremento das enfermidades crónicas como consecuencia do avellentamento da poboación. Para facelo sostible, engadiu, será necesario facer unha serie de transformacións, tal e como está facendo o actual Goberno.

"É moi importante comezar a traballar agora nesas transformacións", asegurou.

Segundo Bengoa, o sector sanitario resístese a facer estas transformacións. A atención primaria e as urxencias sanitarias, asegura, son as primeiras en notar este incremento da demanda de enfermos crónicos e debe facer uso das tecnoloxías que permiten atender eses pacientes na casa.

Sobre a relación entre atención hospitalaria e primaria, Rafael Bengoa di que o sistema é bo para atender enfermidades agudas, pero non tanto para atender as crónicas. É necesario o diálogo continuo entre os profesionais sanitarios.

Discrepa Bengoa sobre a recentralización da sanidade, defendida desde algúns sectores, xa que os resultados demostran o contrario, a máis proximidade, mellores resultados. Iso si, considera beneficioso que a historia clínica sexa compartida por todo o territorio nacional.

Rafael Bengoa di que a sanidade devolve ao PIB un 1,5 por cento anual, polo que non debe percibirse como un gasto e si como un investimento.

Sobre as doazóns en material das grandes fortunas a hospitais públicos, Bengoa di que son positivos e exemplares. Advirte, finalmente, que se non acometemos as transformacións necesarias, o sistema sanitario levaría, nun futuro próximo, todo o presuposto anual das administración públicas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí