CRTVG

Buscar

Quiroga terá en 2021 un novo hotel nun edificio histórico rehabilitado

Publicado o 14/05/2019 20:49

Construído nos anos 30 do pasado século, este edificio de Quiroga foi oficina de Correos e posteriormente un estanco, ata que pechou hai oito anos. Agora, un grupo empresarial local acaba de adquirilo para transformalo nun hotel de 36 prazas, que contará cun restaurante cun aforo de máis de medio cento de persoas. 

Juan Luis Vázquez, xerente do grupo Socratea: "Queremos darlle unha nova vida. Imos facer unha reforma integral do edificio e contaremos con empresas locais para facelo para que a maior parte do negocio quede en Quiroga".

Os veciños de Quiroga valoran como moi positiva a nova, que se produce un mes despois de que as montañas do Courel fosen nomeadas xeoparque mundial pola Unesco. 

Juan Luis Vázquez, xerente do grupo Socratea: "Falamos de cinco habitacións familiares e de oito dobres, dirixido fundamentalmente aos peregrinos do Camiño de Santiago, do Camiño de Inverno, e tamén aos visitantes que veñan á zona para ver o Xeoparque das Montañas do Courel, acabadas de nomear xeoparque mundial pola Unesco".

Unha vez rehabilitado, cun investimento próximo ao medio millón de euros, prevese que o hotel abra as súas portas en 2021.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/05/2019