CRTVG

Buscar

Quique González racha a súa seca goleadora

Publicado o 11/02/2019 17:14

Imos co golpe de autoridade que onte o Deportivo deu nos Cármenes. Segunda vitoria consecutiva a domicilio e, ademais, ante un rival directo polo ascenso. Non foi un Deportivo brillante no xogo pero si efectivo no resultado. Volveu marcar Quique González. Levaba seis semanas sen facelo. O Deportivo volveu sen encaixar un gol e, o máis importante, gañou en Granada, levaba 71 anos sen facelo... e  sitúase de terceiro na táboa, a só dous puntos do líder. 

Natxo González: "Vitoria importante. Aquí non gaña calquera. Ata o momento só o fixera o Sporting".

Segundo golpe de man do Deportivo fóra en quince días. Tres puntos sufridos, cociñados na batalla sen brillo que é cada día a Segunda. O Granada ameazou. Martínez lambeu a trabe, pero o Deportivo deu. Presión alta de Cartabia, roubo e Quique volveu tirar a cana. Undécimo gol do pichichi, que andaba na seca había dous meses. Diana con premio extra...

Natxo González: "O coeficiente particular pode ser fundamental no final. Pero, sobre todo era importante volver gañar fóra competindo como o fixemos e seguir a esteira desas primeiras posicións".

Salvou os mobles o ollo dun liña que viu a arteira man de Puertas neste remate contra o final. E o paradón de Dani Giménez xa no engadido nunha reviravolta velenosa de Rodri. Para a polémica, a expulsión do recentemente chegado Nahuel nunha tirapuxa evitable. El e Domingos, quinto cartón, serán sancionados.

Natxo González: "Dúas baixas máis. Se antonte estaba preocupado, imaxina agora. O que pasa é que agora con tres puntos moi importantes".

Esa será outra historia. A de hoxe di que o Deportivo tomou Granada e segue ao axexo do ascenso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019