Quince comunidades están en alerta por chuvia, neve, vento e mar de fondo
O paso da borrasca Bella continúa deixando precipitacións intensas na metade norte, prinicipalmente de neve, e refachos fortes de vento en case toda a península e o arquipélago balear. Na costa cantábrica permanece activada a alerta vermella por risco extremo no mar con ondas de entre 8 e 10 metros.
En terra rexístranse refachos de vento de ata 110 quilómetros por hora que provocaron a caída de árbores e elementos ornamentais urbanos. No concello asturiano de Avilés, unha parede derrrubada polo vento caeu sobre varios vehículos estacionados na rúa. O temporal obrigou tamén a pechar os parques en Asturias, Cantabria e Euskadi.
Na Meseta, a neve está a provocar problemas para circular por máis de 60 estradas, principalmente en zonas de montaña.
No Pireneo oscense mantense activada a alerta laranxa por acumulacións de ata 20 centímetros de neve a partir dos 600 metros de altitude.
Alerta laranxa tamén nas Baleares por mal mar con ondas de ata 5 metros e refachos de vento superiores aos 80 quilómetros por hora.
En total son 15 as comunidades autónomas en alerta polo temporal, todas menos Estremadura e as Canarias.