CRTVG

Buscar

Quince comunidades, en alerta pola borrasca Bella

Publicado o 28/12/2020 21:31

Vento, chuvia, neve e ondas de 10 metros no Cantábrico

O paso da borrasca Bella seguirá deixando, polo menos ata o mércores, vento, chuvia, frío, temporal no mar e ata neve en prácticamente toda España.

Na costa cantábrica permanece activada a alerta vermella por risco extremo no mar con ondas de entre 8 e 10 metros. Alerta laranxa tamén no Mediterráneo e as Baleares por ondas de ata 5 metros e refachos de vento de máis de 80 quilómetros por hora.

En terra, no norte da Península, rexístranse refachos de vento de ata 110 quilómetros por hora que provocaron a caída de árbores e elementos ornamentais urbanos.

No concello asturiano de Avilés, unha parede derrrubada polo vento caeu sobre varios vehículos estacionados na rúa.

O temporal obrigou tamén a pechar os parques en Asturias, Cantabria e Euskadi.

Tamén na metade norte do país a cota de neve poderá baixar ata os 600 metros. Na Meseta, a neve está a provocar xa problemas para circular por máis de 60 estradas, principalmente en zonas de montaña.

No Pireneo oscense mantense activada a alerta laranxa por acumulacións de ata 20 centímetros.

En total son 15 as comunidades autónomas en alerta polo temporal, todas menos Estremadura e as Canarias.

Noticias web

28/12/2020