CRTVG

Buscar

Quen ten que ir traballar desde este luns ao 9 de abril?

Publicado o 30/03/2020 07:45

Persoal sanitario, empregados bancarios, repartidores ou caixeiros de supermercado son algúns dos colectivos que terán que ir traballar este luns, cando entran en vigor as restricións á actividade non esencial aprobadas polo Goberno para tratar de conter a expansión do coronavirus.

O Executivo permitirá ir traballar hoxe a empregados que, aínda estando incluídos nos supostos do permiso retribuído, teñan que realizar tarefas necesarias para a interrupción adecuada da actividade empresarial, o cal pode afectar sobre todo a algunhas industrias e á construción.

Estes son os traballadores aos que non se aplica o permiso retribuído recuperable aprobado este domingo polo Executivo, de acordo co real decreto-lei publicado pouco antes da medianoite no Boletín Oficial do Estado (BOE):

- Quen participa na cadea de abastecemento do mercado e no funcionamento dos servizos dos centros de produción de bens e servizos de primeira necesidade, incluíndos alimentos, bebidas, alimentación animal, produtos hixiénicos, medicamentos, produtos sanitarios ou calquera produto necesario para a protección da saúde; permítese a distribución destes desde a orixe ata o destino final.

- Quen presta servizos nas actividades de hostalería e restauración de entrega a domicilio.

- Quen presta servizos na cadea de produción e distribución de bens, servizos, tecnoloxía sanitaria, material médico, equipos de protección, equipamento sanitario e hospitalario e calquera outro material necesario para a prestación de servizos sanitarios.

- Quen traballa en actividades imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, equipos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais.

- Os traballadores de servizos de transporte, tanto de persoas como de mercadorías, que se continúen desenvolvendo desde a declaración do estado de alarma, e mais daqueles que deban asegurar o mantemento dos medios empregados para iso, ao amparo da normativa aprobada pola autoridade competente e as autoridades competentes delegadas desde a declaración do estado de alarma.

- Quen presta servizos en institucións penais, de protección civil, salvamento marítimo, salvamento e prevención e extinción de incendios, seguridade das minas e de tráfico e seguridade viaria. Así mesmo, as persoas que traballan nas empresas de seguridade privada que prestan servizos de transporte de seguridade, de resposta ante alarmas, de rolda ou vixilancia descontinua, e aqueles que resulte preciso utilizar para o desempeño de servizos de seguridade en garantía dos servizos esenciais e o abastecemento á poboación.

- Os traballadores de actividades indispensables que apoian o mantemento do material e equipos das forzas armadas.

- Quen traballe en centros, servizos e establecementos sanitarios, e mais as persoas que atendan maiores, menores, persoas dependentes ou persoas con discapacidade, e as persoas que traballen en empresas, centros de I+D+i e biotecnolóxicos vinculados á COVID-19, os animalarios a eles asociados, o mantemento dos servizos mínimos das instalacións a eles asociados e as empresas subministradoras de produtos necesarios para a devandita investigación, mais as persoas que traballan en servizos funerarios e outras actividades conexas.

- Quen traballe en centros, servizos e establecementos de atención sanitaria a animais.

- Quen presta servizos en puntos de venda de prensa e en medios de comunicación ou axencias de noticias de titularidade pública e privada, e tamén na súa impresión ou distribución.

- Quen traballe en empresas de servizos financeiros, incluídos os bancarios, de seguros e de investimento, para a prestación dos servizos que sexan indispensables e as actividades propias das infraestruturas de pagamentos e dos mercados financeiros.

- Quen traballe en empresas de telecomunicacións e audiovisuais e de servizos informáticos esenciais, e mais aquelas redes e instalacións que os soportan e os sectores ou subsectores necesarios para o seu correcto funcionamento, especialmente aqueles que resulten imprescindibles para a adecuada prestación dos servizos públicos, e tamén o funcionamento do traballo non presencial dos empregados públicos.

- As persoas que prestan servizos relacionados coa protección e atención de vítimas de violencia de xénero.

- Os avogados, procuradores, graduados sociais, tradutores, intérpretes e psicólogos que asistan ás actuacións procesuais non suspendidas polo real decreto mediante o cal se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

- Quen presta servizos en despachos e asesorías legais, xestorías administrativas e de graduados sociais e servizos alleos e propios de prevención de riscos laborais en cuestións urxentes.

- Quen presta servizos en notarías e rexistros para o cumprimento dos servizos esenciais.

- Quen preste servizos de limpeza, mantemento, reparación de avarías urxentes e vixilancia, e mais as persoas que presten servizos en materia de recollida, xestión e tratamento de residuos perigosos e de residuos sólidos urbanos, perigosos e non perigosos, recollida e tratamento de augas residuais, actividades de descontaminación e outros servizos de xestión de residuos e transporte e retirada de subprodutos ou en calquera das entidades pertencentes ao sector público.

- As que traballen nos centros de acollida a refuxiados e nos centros de estancia temporal de inmigrantes e ás entidades públicas de xestión privada subvencionadas pola Secretaría de Estado de Migracións que operan no marco da Protección Internacional e da Atención Humanitaria.

- As persoas que traballan en actividades de abastecemento, depuración, condución,  potabilización e saneamento de auga.

- Quen sexa indispensables para a provisión de servizos meteorolóxicos de predición e observación e os procesos asociados de mantemento, vixilancia e control de procesos operativos.

- Os traballadores do operador designado polo Estado para prestar o servizo postal universal, co fin de prestar os servizos de recollida, admisión, transporte, clasificación, distribución e entrega aos exclusivos efectos de garantir o devandito servizo postal universal.

- Quen presta servizos naqueles sectores ou subsectores que participan na importación e subministración de material sanitario, como as empresas de loxística, transporte, almacenaxe, tránsito aduaneiro (transitarios) e, en xeral, todas aquelas que participan nos corredores sanitarios.

- Quen traballa na distribución e entrega de produtos adquiridos no comercio por internet, telefónico ou por correspondencia.

- Quen deba continuar as súas actividades nos sectores do tránsito aduaneiro, a subministración de enerxía e operadores críticos de servizos oficiais ao amparo do establecido no real decreto polo que se declarou o estado de alarma.

- Calquera outra persoa que preste servizos que fosen considerados esenciais.