CRTVG

Buscar

Queixas veciñais en Lugo pola maleza que invade a Estrada Vella de Santiago

Publicado o 16/07/2019 14:02

A maleza medrou tanto na Estrada Vella de Santiago, en Lugo, que mesmo impide ver os sinais de tráfico, co perigo que supón para os peóns e para os ocupantes dos numerosos vehículos que circulan por esta vía. Á falta de visibilidade súmase a dificultade para transitar pola beiravía, que afecta tamén os ciclistas e os peregrinos.

"Aquí quen pasa? Eu xa non podo porque teño unha discapacidade. Para poder pasar para a casa, que vivo aí, teño que me meter á estrada. Isto leva así máis dun ano e non o limpan para nada nin cousa ningunha".

"Este é un tramo do Camiño de Santiago, con tránsito de peregrinos e de rapaces que van en bicicleta e de xente que vai correndo, e vaise agravando o problema sen buscarmos unha solución".

"Terrible! Non podemos pasar nin á beirarrúa. Por onde pasamos? Polas silvas, que chegan ata a raia branca. E así estamos sempre".

Os veciños da zona aseguran que xa se queixaron ás diversas administracións, sen que polo momento ninguén se involucrase para rozar a maleza. Como resultado, a Estrada Vella de Santiago segue supoñendo un perigo para os usuarios.

"Estamos aquí con maleza e tiñan que poñer un remedio. Tiñan que solucionar isto porque é un perigo para estas casas que hai aquí".

"Eu persoalmente presentei un escrito na Policía Local pedindo que tomasen medidas antes que houbese aquí un incidente grave. Teñen que ter algo de mantemento nesta estrada porque é un abandono continuo con perigo para os peóns. Pasan os coches por aquí a unha velocidade excesiva e temos aquí un grupiño de casas, polo que tiña que estar limitada a velocidade a 30 por hora. Estámoslle pedindo ao Concello que poña aquí unhas bandas rugosas para limitar a velocidade e evitar o día de mañá o accidente grave e despois todos nos lamentemos".

Os residentes na Estrada Vella de Santiago reclaman tamén que se constrúan beirarrúas dende o barrio da Ponte ata o polígono da Louzaneta e o cemiterio de San Froilán.

Noticias web

16/07/2019