CRTVG

Buscar

Queixas polas aglomeracións no cribado feito en Mazaricos: "Isto era unha feira"

Publicado o 15/12/2020 14:52

Unha das áreas que máis lles preocupa aos expertos nestes momentos é a área sanitaria de Santiago, que subiu en 53 positivos en só 24 horas, superando os mil casos activos.

E entre os concellos que poderían aumentar o nivel de restricións está Mazaricos, onde un cribado entre a poboación acabou por provocar unha aglomeración de centos de persoas diante do centro de saúde. 

Finalmente só conseguiron facerlle a PCR a 960 das máis de 2.100 persoas convocadas no centro de saúde da localidade.

Un pequeno atraso dos equipos de enfermería que realizaban as probas, persoas que acudiron fóra do horario da cita e outros factores acabaron por provocar unha aglomeración que causou molestia e preocupación entre os presentes.

O Sergas decidiu que hoxe non se van repescar as persoas que onte non fixeron PCR, pero si que farán as probas os traballadores de hostalería e outras persoas que traballen de cara ao público.

Nas imaxes cedidas polos veciños vemos decenas de persoas, pero as testemuñas presenciais din que chegou a haber centos e comparan a aglomeración que houbo onte ás portas do Centro de Saúde de Mazaricos coas que eran frecuentes nas romarías no tempo da normalidade.

"Isto era unha feira", relatan, ao tempo que expresan a súa preocupación polo incumprimento das medidas de distanciamento persoal.

Mazaricos ten un poboamento disperso, con pouca densidade, que ata agora os librou das restricións máis duras, malia ter unha incidencia por riba de 800.

Pero iso provocou tamén que os veciños de lugares alonxados aproveitasen para acudir xuntos ao centro de saude facer aproba, malia ter cita a hora distinta. Segundo o alcalde, ese foi só un dos factores que favoreceu a aglomeración.

"Onte citáronse 2.100 persoas para unha tarde, en catro horas: imposible atender. Non pode ser unha atención coma se fose a Fórmula 1, sete persoas cada minuto, iso é inviable, entón cando se produciu un atraso no propio equipo de cribado, pois 20 minutos de atraso son 140 persoas alí acumuladas", explica o rexedor, Xoán Xosé Blanco.

No Concello engaden que o cribado quedou incompleto e piden que se retome con algo máis de calma para as persoas de entre 45 e 79 anos que onte, en vista da aglomeración, decidiron marchar da zona. A confusión acabou por provocar un pequeno tumulto que obrigou a intervir a Garda Civil.

Noticias web

15/12/2020