CRTVG

Buscar

Queixas en Vilagarcía pola maleza e un valo perigoso nun soar urbano

Publicado o 23/10/2019 13:18

A maleza reborda nun terreo situado ao final da rúa Curros Enríquez de Vilagarcía. É un inconveniente para transitar pola beirrarúa a quen vive e se move por aquí e tamén está a conformar un hábitat apropiado para fauna nada desexable.

"Está abandonadísimo. E debíano ter un pouquiño limpo, porque é obrigatorio, senón é un criadeiro de ratas e de toda a bichería. Mesmo pode haber serpes aí no medio, que sei eu".

José Antonio é veciño desta rúa e explica que operarios do Concello limparon en maio unha franxa estreita ao longo da beirrarrúa. Algo que só fan unha vez ao ano. Segundo contan na rúa, un empresario prevía construír un edificio, non logrou a licenza e desde hai varios anos está abandonado. O lugar supón ademais risco de incendio en tempo seco e tamén para a integridade dos viandantes. Porque o peche metálico está formado en realidade por pranchas de mallazo enganchadas de calquera maneira, como mostra Xoán, outro veciño.

"Eu escribinlle ao Concello e o normal é que non fagan caso. Porque aquí o que tiñan que facer é multar esta xente. Non o fan porque saben quen son (os donos). O do outro soar veu limpar hai unha semana despois de levar ano e medio sen facelo. Entón desde aquí a alá, que son uns cen metros, as silvas invaden e a xente non pode andar".

Os residentes da rúa consideran que a desidia do propietario e a inacción do Concello están a converter o soar e o seu valado nun perigo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/10/2019

Máis sobre vilagarcía de arousa

Polvorín 2 - 2 Arousa
20/01/2020 13:04