CRTVG

Buscar

Queixas en Parga polo mal estado do río, totalmente cuberto de maleza

Publicado o 01/09/2021 13:55

O río Parga está totalmente cuberto de maleza ao seu paso pola localidade homónima, no concello de Guitiriz. Co paso do tempo, a vexetación foi tapando a auga ata ocultala case por completo, incluída a zona de baño, o que está a motivar as queixas dos veciños e hostaleiros da vila.

"Isto é incrible. Aquí non se pode ter unha troita, porque falta osíxeno. Os parrulos, que son unha cousa tan bonita e ademais son de aquí de Galiza, nosos, pois tampouco. Isto é un río morto. Non queda nada", denuncia Manuel Sandá, vicepresidente do Centro de Iniciativas de Turismo de Parga. "Esta é unha porcallada. Unha zona de baño así para quen veña e a vexa é unha cochada" engade Pilar Caamaño, hostaleira. "Unha zona que está catalogada como zona de baño e que estea así non é de recibo", laisase Javier Freire, tamén hostaleiro. 

Os residentes en Parga sinalan que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil leva anos denegándolles o permiso para limpar o río. En vista do estado en que se encontra, demandan que as administracións se impliquen para conseguir que poidan volver verse as augas deste curso fluvial, en particular na zona catalogada como de baño.

"Os inchables ían vir para aquí, pero como viron o río con toda a porcallada que ten, o normal é que non os montaran. Eu véxoo normal, porque cae un neno no medio desa porcallada e a ver", di Caamaño."Pides permiso para limpalo, denégano... Eu xa estou aburrido. Pedino tres ou catro veces estes anos atrás e sempre me veu denegado. Xa non sabemos que facer", explica Freire. 

O mal estado do río supón un novo golpe para unha vila, Parga, onde veñen de pechar o ambulatorio e varias sucursais bancarias.

Noticias web

01/09/2021