Queixas en Padrón polo lixo que xeran algúns postos da feira
Queixas en Padrón polo lixo que deixan atrás algúns comerciantes despois das feiras. A zona máis afectada é unha onde os feirantes non teñen posto fixo, co que se fai máis difícil atallar o problema. Dende o Concello din que están a traballar para darlle solución.
Plásticos de embalaxes, caixas de zapatos baleiras e papeis volveron quedar estrados no chan despois da celebración da feira de Padrón. Desta volta na zona de detrás do campo de fútbol, moi preto das terrazas dos locais de hostalería, deixando unha mala imaxe. A maior parte dos vendedores ambulantes recollen o lixo que xeran, pero aínda hai quen non o fai e de aí as queixas dos hostaleiros.
Algún dos hostaleiros di que hai problemas incluso entre eles: "Uns botámonos a culpa aos outros. O Concello bótanos a nós a culpa de que tiramos as bolsas e as bolsas non son nosas, son as que deixan os do mercado. Cando vén o tempo das terrazas veñen cando a xente está na terraza soprar coas máquinas e iso é un detalle un pouco feo".
Ao parecer, o problema está en que nesta zona cada día monta o seu posto un vendedor distinto. O último día o vento fixo que o lixo acabara esparexido por toda a rúa de detrás do campo de fútbol. No Concello recoñecen que esa zona está menos controlada, ao non estar regularizada a situación dos postos de venda, algo que xa si fixeron no paseo do Espolón e está en proceso no campo do Souto, aínda que as restricións da pandemia, aseguran, están a atrasar o traballo.