CRTVG

Buscar

Queiman varias casetas nas festas dos Remedios en Sarria

Publicado o 10/09/2018 14:09

No santuario dos Remedios en Sarria arderon de madrugada tres das casetas que os romeiros instalan para xantar ou mesmo durmir. Unha persoa sufriu queimaduras nas mans ao tentar sufocar un dos incendios. Algúns romeiros sospeitan que os incendios puideron ser intencionados ao orixinarse os tres nun breve espazo de tempo.

A herba queimada amósanos o lugar onde estaban as tres casetas que arderon na Romaría dos Remedios. Foron tres incendios consecutivos. Pouco antes das cinco da mañá do domingo unha persoa que durmía nunha tenda de campaña deu a voz de alarma ao decatarse de que unha das casetas veciñas estaba en lapas.

"Ao chegar había un incendio xeneralizado nunha das casetas, que xa estaba practicamente queimada. Procedimos á extinción e nese momento avisáronos doutro caseto ardendo a uns cen metros. E preto dese había outro incendio máis que calcinou unha caseta", cóntanos o sarxento de bombeiros de Sarria.

Un dos romeiros sufriu queimaduras ao tentar retirar un plástico que estaba a arder.

"Un dos alertantes tiña as palmas das mans queimadas e avisamos o 061".

Algúns romeiros sospeitan que os incendios puideron ser intencionados ao producirse consecutivamente nun breve espazo de tempo.

"Iso non o podemos saber. Cando chegamos estaban os incendios xa avanzados. O que podo dicir é que todos os anos nesa romaría temos avisos por temas similares".

A Romaría dos Remedios de Sarria congrega cada ano centos de persoas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2018