Queiman facturas da luz para protestar pola suba do prezo da tarifa eléctrica
Varios centos de persoas participaron nunha queima de facturas que se fixo de xeito case simultáneo nunha vintena de localidades galegas. A protesta convocouna a CIG contra a tarifa eléctrica por considerala unha "estafa" para a cidadanía.
Factura en man, preto dun cento de persoas acudiron á convocatoria da CIG na Coruña. Con esta queima pública o sindicato nacionalista protesta contra a suba imparable do prezo da luz e reclama medidas inmediatas para frear o que cualifican como "a mafia das empresas eléctricas", solucións que tamén piden os consumidores.
"Estás toda confiada de que é sábado e podes poñer os electrodomésticos e despois non sei por que é máis caro", asegura unha das persoas que participan na concentración.
Defenden que o acceso á enerxía é un dereito universal. Para garantir uns prezos xustos, piden a intervención pública das eléctricas. "Se hoxe temos estes prezos é consecuencia de estar regulando o sistema eléctrico en favor das eléctricas, hoxe son unha mafia descarada e hai covardía por parte dos gobernos para poñer esa enerxía ao servizo do pobo. Iso non está revertendo no noso favor, somos o territorio de Estado que máis produce e o máis maltratado", afirma o secretario xeral da CIG. Paulo Carril explica que Galicia exporta o 30 por cento da enerxía que produce.
Esixen que se lle aplique á tarifa eléctrica o IVE superreducido do 4 por cento coma aos produtos de primeira necesidade.