CRTVG

Buscar

Quedan libres dous dos 28 implicados na operación de narcotráfico da Arousa

Publicado o 29/04/2020 15:33

De madrugada ingresaron no cárcere da Lama once dos trece detidos nos rexistros que se realizaron na comarca da Arousa no marco da operación contra o narcotráfico que permitiu a incautación de máis de catro toneladas de cocaína nunha embarcación con bandeira de Togo a unhas catrocentas millas da costa galega. Só dous quedaron en liberdade, ao considerarse secundaria a súa implicación na trama.

A xuíza de Vigo encargada do caso tomoulles declaración durante a pasada noite para axilizar as dilixencias, como xa fixera por videoconferencia cos quince tripulantes da embarcacion apresada para que puideran ser trasladados a prisión á súa chegada onte ao porto de Vigo.

O éxito desta operación supón a desarticulación dunha banda de narcotransportistas que o xulgado vigués investigaba dende xaneiro e que fabricaban as súas propias lanchas para abaratar custos e burlar os controis policiais. A droga comisada tería un valor no mercado de máis de 140 millons de euros.

Entre os detidos no barco, naturais do Nepal e Bangladesh, hai tamén un galego, que controlaba o transporte da cocaína dende Panamá. A operación segue aberta e non se descartan novas detencións, a raíz das declaracións dos detidos e da documentación comisada.

Noticias web

29/04/2020