CRTVG

Buscar

Queda visto para sentenza o xuízo contra o home acusado de tentar matar a ex-parella e o fillo dela

Publicado o 13/02/2020 13:43

Segunda xornada no xuízo contra un focego acusado de intentar matar a súa ex-parella e o fillo dela facendo estoupar a súa vivenda. Os feitos ocorreron en marzo de 2018 cando supostamente o acusado accedeu ao interior da vivenda e abriu os fogóns da cociña, as bombonas de gas butano, o quentador e a estufa. Nese momento nin a a muller nin o seu fillo estaban no inmoble. Cando a muller regresou, o forte cheiro a gas e a porta do portal rota alertárona e avisou a Garda Civil.

Hoxe era a quenda das probas periciais. Os técnicos declararon sobre o risco de intoxicación e de explosión pola concentración de gas na vivenda.

O acusado xa fora denunciado pola vítima por un delito de maltrato no ámbito familiar e tiña unha orde de afastamento. Unha orde que as dúas partes admitiron no xuízo que quebrantaran en varias ocasións, segundo expuxo a muller por medo e pánico á súa ex-parella.

Fiscalía e acusación particular sosteñen que hai probas evidentes para demostrar os feitos, que o acusado negou, e manteñen a petición de 30 anos de cárcere por dous delitos de asasinato en grao de tentativa, outro de roubo con forza e por quebrantar a orde afastamento. Tamén lle piden a prohibición de residir ou achegarse a Foz, onde vive a vítima, por un período de 17 anos.

Noticias web

13/02/2020

Máis sobre Foz