Queda en liberdade o home detido en Oleiros acusado de intento de homicidio
Un octoxenario, inspector da Policía Nacional xa retirado, foi trasladado esta mañá desde os calabozos de Lonzas ata os xulgados da Coruña onde pasou a disposición xudicial. Aquí estivo declarando durante horas.
A Garda Civil investigábao por dous delitos de intento de homicidio, por disparar contra os dous axentes que se desprazaron á zona despois de que a súa exmuller os alertara de que os ameazara de morte. O instituto armado tamén o acusaba dun delito de violencia de xénero por estes feitos.
Foron doce horas de tensión, o tempo que permaneceu atrincheirado na súa casa de Oleiros. Estaba armado e un axente quedou ferido.
O desenlace comezou a escribirse sobre as dez da mañá do sábado. Coa zona perimetrada, o edificio rodeado e os axentes en posición, un mediador da Garda Civil acabou por convencer o octoxenario de que a mellor alternativa para el era entregarse.
Finalmente non opuxo resistencia. Ás dez e vinte e cinco, o home saía da casa despois de case doce horas de tensión que os veciños da rúa dos Niños viviron pechados nos seus domicilios, pendentes da evolución do caso.