CRTVG

Buscar

Que vemos no ceo estes días?

Publicado o 21/04/2020 11:03

Se estes días viron ou escoitaron falar dunha luces estrañas no ceo, saiban que non son unha secuela do confinamento. Están aí e teñen unha explicación.

Óscar Blanco é membro da Agrupación Astronómica Ío: "Realmente o que estamos vendo no ceo ten explicación. Hai dous tipos de luces que á xente lle pode estar chamando a atención estas noites. Unha é moi habitual. É o planeta Venus. Esta temporada está nun brillo máximo. Ademais, tamén inflúe que a xente ten máis tempo para asomarse á xanela".

"Cando non estamos afeitos a observar o ceo, podemos ver unha luz e non saber o que é. Son os satélites artificiais, que son comúns. Ultimamente está habendo lanzamentos dun tipo de satélites que se lanzan en bloques de 60. Durante uns días orbitan moi xuntos un detrás do outro facendo unha especie de tren de luces. Iso chama moito a atención".

Estación Espacial Internacional

"A Estación Espacial Internacional xa leva moitos anos aí e é unha estrutura enorme. Temos que pensar que é máis ou menos como un campo de fútbol. É unha estrutura con moitos paneis e módulos e brilla porque reflicte a luz do sol. A Estación Espacial é tan grande e está tan cerca que cando pasa por enriba de Galicia vemos a luz e é normal que chame a atención".

"Falouse moito de Venus estes días. Díxose que parecía unha especie de bóla. O problema é que a xente cando fai zoom coa cámara do móbil a imaxe se desenfoca e aparece como un globo, pero realmente non é un globo. É só unha imaxe desenfocada".

Noticias web

21/04/2020