Que medidas entran en vigor a partir deste sábado?
EFE
As novas medidas restritivas fronte á pandemia da covid-19 que entrarían en vigor esta medianoite están pendentes da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao que a Xunta solicitou esta mesma mañá a autorización para esixir certificado covid para entrar na hostalería.
Tras declarar o TSXG onte que este requisito, implantado o 24 de xullo, "carece de vigor" por non someterse previamente á autorización xudicial, a Xunta solicitou agora o aval e está á espera de saber que determinará o tribunal.
Por agora está suspendida a obrigatoriedade de esixir o certificado covid ou unha proba diagnóstica negativa realizada nas 72 horas antes para entrar nos locais de hostalería de municipios en nivel máximo e alto (55) e o lecer nocturno dos municipios no medio e medio baixo.
As únicas novidades anunciadas para esta fin de semana -pendentes aínda da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG)- son os cambios nos niveis de restricións dos municipios. Só un quedará en nivel máximo, O Grove (Pontevedra), outros 54 estarán en nivel alto e 69 en nivel medio, o resto no medio baixo.
Non hai peches perimetrais nin toque de queda, pero prohíbense as reunións con non conviventes entre as 3 e as 6 da madrugada nos municipios en nivel medio e baixo e entre a 1 e as 6 naqueles en nivel máximo e alto.
En canto ás reunións, non deberán superar os grupos de seis no interior e os grupos de 10 no exterior.
Hostalería
• O único municipio en nivel máximo, O Grove, ten limitada a ocupación ao 30 % no interior e o 50 % nas terrazas.
• Os 54 concellos en nivel alto poderán abrir a hostalería cunha ocupación do 50 % tanto no interior como nas terrazas.
• Nos municipios en nivel medio, 69 neste caso, a ocupación é tamén do 50 % no interior e nas terrazas
• Nos municipios en nivel baixo (189), teñen unha capacidade do 100 % nas terrazas e o 50 % no interior.
Lecer nocturno
O ocio nocturno está aberto en todos os municipios, pero nos concellos en nivel máximo e alto só poderán abrir as terrazas, para consumo sentados e en mesa, cunha ocupación do 50 % e ata a 1 da madrugada. No caso dos concellos en nivel medio e baixo, poderán abrir cunha capacidade do 50 % no interior e o 100 % na terraza, coa pista de baile aberta e ata as 3 da madrugada.
En todos os concellos o uso de máscara é obrigatorio e a ocupación na pista non poderá ser inferior aos dous metros cadrados por persoa.