CRTVG

Buscar

Que podemos facer os galegos a partir do luns?

Publicado o 09/05/2020 09:56

 

 Ver os seres queridos, asistir a enterros e velorios, comprar sen cita previa, sentar nunha terraza ou ir á igrexa son algunhas das medidas de alivio que estarán permitidas nos territorios que entren o luns na fase 1 da desescalada.

O Goberno estableceu unha serie de medidas xerais para a fase 1, aínda que os acordos coas comunidades autónomas poden incluír especificidades territoriais no desconfinamento. 

- O teletraballo sempre que sexa posible.
- Reunións dun máximo de 10 persoas.
- Reapertura ao público de todos establecementos, locais comerciantes polo miúdo e de actividades e servizos profesionais con superficie igual ou inferior a 400 menos cadrados e unha limitación da ocupación ao 30 por cento. Deberase habilitar un horario especial para persoas maiores de 65 anos.
- Os concellos poden decidir a apertura de mercados ao aire libre a un máximo do 25 por cento dos postos que tiñan autorizados con anterioridade.
- Reapertura de terrazas ao aire libre. As mesas deberán ser un 50 por cento menos das autorizadas o ano anterior, cun máximo de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas.
- Reapertura de bibliotecas e museos con limitación de actividades e capacidade.
- Reapertura de hoteis e establecementos turísticos, a condición de que as zonas comúns permanezan pechadas.
- Permítense actividades de turismo activo e de natureza en grupos de ata dez persoas.
- Permíteselles ás comunidades adaptar as franxas de actividade para paseos, actividade física, paseos para menores de 14 anos ás circunstancias climatolóxicas dos seus territorios. 

Poderei ver os meus seres queridos?

Si, salvo que sexa positivo por coronavirus ou estea en illamento. Non poderá visitar persoas anciás ou que pertenzan a un grupo de risco, por seren máis vulnerables á COVID-19.

Ata cantas persoas poderán reunirse?

Permítense reunións de ata dez persoas. Terán que manter a distancia de seguridade de dous metros e respectar as normas de hixiene relativa a lavado de mans e "etiqueta respiratoria".

Onde poderán celebrarse esas reunións?

Tanto na casa coma na rúa.

Poderei sentar nunha terraza para tomar algo?

Si, a condición de que atope sitio para facelo porque só se poderán ocupar o 50 % das mesas. Terá que haber unha distancia mínima de dous metros entre as mesas e os grupos de clientes non superarán as dez persoas. Ademais, haberá que desinfectar as mesas entre un cliente e outro, e non se poderán utilizar cartas de uso común nin os aros dos panos da mesa. 

Cantas persoas poden desprazarse nun mesmo coche á vez?

Os habitantes dun mesmo domicilio poden compartir un coche de ata nove prazas.

Que cambios afectarán ás tendas?

Tan só poderán abrir os comercios de menos de 400 metros cadrados, igual que na fase 0, pero xa non será necesaria a cita previa nin a atención individual. As tendas permitirán a entrada de clientes ata un máximo do 30 % da súa capacidade, será necesario manter unha distancia de seguridade mínima de dous metros e deberase establecer un horario de atención preferente a maiores. Ademais, os comerciantes terán que desinfectar dúas veces ao día o local.

Reactivaranse os mercados?

Si, volverá a actividade dos mercados ao aire libre na vía pública, aínda que con restricións relativas ao distanciamento entre postos e a delimitación do mercado ambulante para un correcto control da capacidade polas forzas de seguridade. Limítase ao 25 % o número de postos habituais e a afluencia máxima permitida será da terceira parte da capacidade.

Abrirán o luns os centros comerciais ou as tendas de máis de 400 metros cadrados?

Non, non se permite a súa apertura na fase 1.

Estarán permitidos os velorios?

Si, pero limítase o número de familiares que poden facelo, que é de 15 persoas se ten lugar ao aire libre e de dez en espazos pechados.

Poderase acudir a enterros?

Si, pero tamén se fixa un límite: a comitiva para o enterramento ou a despedida para a cremación do falecido restrínxese a un máximo de quince persoas e, no seu caso, poderase sumar o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

Poderei ir á igrexa?

Si, os lugares de culto abrirán na fase 1, pero a afluencia de fieis reducirase a un terzo.

Poderase saír da provincia?

Non.

Estará permitido o baño en piscinas?

Non.

Os ximnasios abrirán as súas portas?

Si, se as instalacións deportivas son ao aire libre e as actividades non implican contacto físico (como o tenis ou o atletismo). Tamén nese momento se poderán realizar actividades deportivas individuais con previa cita en centros deportivos que non impliquen contacto físico nin uso de vestiarios. Con todo, o uso de instalacións cuxo espazo sexa pechado terase que pospoñer á fase 2 e só cando o deporte se faga sen público e non requira contacto físico.

Recuperarase a atención ás persoas con discapacidade e as terapias de atención temperá, ocupacionais, de rehabilitación e psicosociais?

Si, e tamén se volverá prestar atención domiciliaria e seguimento continuo a persoas maiores que non vivan en residencias.

Noticias web

09/05/2020