CRTVG

Buscar

Que pasa cos reinfectados? Xa xurdiu un caso probable tamén en España

Publicado o 27/08/2020 14:41

A covid-19 ten moitas incógnitas para os investigadores. Unha delas é a dos reinfectados. Persoas que superaran a enfermidade e que volveron contaxiarse. 

O primeiro caso documentado está en Hong Kong, un mozo de 33 anos. Déranlle a alta en abril e agora regresou de España, outra vez contaxiado.

Os Países Baixos e Bélxica tamén reportaron casos e agora fálase tamén dun posible reinfectado en España. Un home de Burgos que estivera ingresado en marzo e estes días volveu dar positivo nunha PCR. 

En todos estes casos, as segundas infeccións son moito máis leves.

Segundo os expertos, poden perderse os anticorpos pero habería unha segunda inmunidade, a celular, que faría diminuir os síntomas.

A Organización Mundial da Saúde asegura que as reinfeccións serán pouco frecuentes e que en moitos casos pasarán desapercibidas por esa ausencia de síntomas.

Con todo, din que a conclusión é clara: tampouco poden baixar a garda os que xa pasaran a enfermidade. E cren que coas vacinas será distinto, porque a inmunidade que proporcionan é máis potente ca a natural.

 

Noticias web

27/08/2020