"Que me axuden cando o necesito, non cando pasou todo"
Bruno levaba dous meses á fronte dun local de Narón cando pechou obrigado polo confinamento de marzo. Non ten terraza e non poder servir no interior. Asi que o pasado venres volveu baixar o enreixado. Con catro traballadores en ERTE é un exemplo do momento polo que pasa o sector. Di que quere "que me axuden cando o necesito, non cando pasou todo, non?"
El cobrou xa tres mil euros do concello de Narón e parte das axudas que solicitou á Xunta. Concreta que tiveron "unha axuda de 1.500 euros que nos foi ingresada o 30 de decembro e hai dúas semanas recibimos outra axuda de dous mil euros que é a primiera parte dun pagamento de catro mil".
Cartos cos que, di, cobre gastos: "Impostos, para pagar a luz, para pagar parte do alugueiro... pero é certo que o dono dun bar ou dun restaurante tamén ten unha vida, ten un soldo".
Francisco rexenta un restaurante en Verín que leva pechado desde outubro, con tres traballadores en ERTE. A el tampouco lle dan as contas. Explica que tiveron "que poñer do noso peto dez mil euros para paliar gastos da nosa empresa. E con estas axudas amorteces en certa medida todo isto e permiten ir tirando uns meses".
Os dous recoñecen que calquera axuda é boa "para manter o negocio vivo. Digamos que agora o temos con respiración asistida". Pero piden máis implicación de todas as administracións para salvar o sector.