CRTVG

Buscar

Que cambia na ABAU de setembro respecto á de xuño?

Publicado o 15/09/2020 12:41

O impacto da pandemia na educación obrigou a adiar datas e adaptar os eventos académicos ás novas circunstancias.

A ABAU non foi unha excepción e viu a súa convocatoria extraordinaria de xullo aprazada ata estes días 15, 16 e 17 de setembro, época en que se adoitaba celebrar antes da mudanza de modelo.

Pero que mudou dende xuño a agora?

A evolución da pandemia axudou a afondar e normalizar as medidas de prevención e hixiene ao longo dos últimos meses.

Deste xeito, o uso constante da máscara, o desinfectado de mans e superficies e o mantemento da distancia de seguridade convertéronse en medidas cotiás.

Que cambia nesta convocatoria de setembro?

Unha novidade desta convocatoria é que hai moito menos alumnado: mentres en xuño eran máis de 15.000, agora andan polos 1.500, unha cifra menor da habitual de anos anteriores, que adoitaba haber 2.500 inscritos.

Estas circunstancias son froito do efecto do coronavirus e as decisións educativas tomadas para paliar a paralización vivida e posibles desigualdades vencelladas coa teledocencia e a fenda dixital.

A Comisión Interuniversitaria de Galicia pretenden seguir a liña da convocatoria de xuño. Mantéñense os controis de acceso graduados, circuítos polas sedes para evitar cruces entre centros e aglomeracións, entrada ordenada ás aulas, uso de máscara, disposición de xeles hixiénicos e materiais e carteis por todos os centros de exame, ademais dunha distancia mínima de 1,5 metros.

Dúas medidas novas

O protocolo de seguridade ante a COVID−19 será practicamente o mesmo, salvo por dous elementos novos: a obrigación do uso de máscara mesmo durante a realización dos exames e a posibilidade de incrementar a distancia entre pupitres, grazas á baixada de matriculados.

Os alumnos distribuiranse ao longo de 17 comisións por toda Galicia, algunhas resultado da fusión de sedes (como a de Informática na Coruña e Filoloxía), e outras periféricas, con menos alumnado, como na Rúa, Viveiro e Cee.

O perfil do alumnado

A maioría dos que se presentan agora fano para subir nota, algúns á parte obrigatoria e outros a materias específicas a fin de mellorar as súas posibilidades para optar a unha titulación da súa preferencia. Na CIUGA calculan que son 1.250 alumnos e alumnas.

Con todo, é probable que moitos teñan complicado o acceso para este curso debido a que gran parte dos graos esgotaron o límite de prazas e pecharon matrícula.

O resto do alumnado corresponde a aqueles mozos e mozas que non tiñan aprobado o bacharelato e teñen que presentarse tras as recuperacións.

Con todo, unha elevada porcentaxe dos que optaron á ABAU de xullo logrou superar as probas, e iso explica a redución na matrícula respecto a outros anos.