CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Putin fai un chamamento ao diálogo coa comunidade internacional tras a súa contundente vitoria electoral

Publicado o 19/03/2018 21:27


Tras conseguir unha demoledora vitoria nas presidenciais celebradas o domingo, Vladimir Putin fixo hoxe un chamamento ao diálogo para mellorar as relacións de Rusia coa comunidade internacional. Terá seis anos máis á fronte do Kremlin para decidir se efectivamente aposta por un achegamento a Occidente, ou mantén o enfrontamento que lle outorgou o seu mellor resultado electoral.

Co 76% dos votos, Putin obtivo os mellores resultados dende que chegou ao Kremlin hai 18 anos. En parte debeuse ao veto que sufriu o seu gran rival, Alexai Navalni, pero tamén ás inxustas condicións que sufriron os outros sete candidatos. Tal como denunciaron os observadores internacionais, non houbo unha competencia real.

O comunista, Pável Grudinin, que quedou en segunda posición co 12% dos votos, recoñeceu a vitoria de Putin pero cualificou os comicios como sucios.

Ademais, segundo todos os analistas, o enfrontamento diplomático con Occidente polo envelenamento do espía dobre Serguéi Skripal non fixo máis que darlle aínda máis apoios. Putin volveu rexeitar a súa implicación, pero o secretario de Exteriores británico, quen conseguiu o apoio unánime do seus colegas comunitarios, dixo que a negación é cada vez máis absurda.

Putin, nunha xuntanza cos seus contrincantes electorais, apelou a un diálogo contrutivo co mundo para resolver os conflitos. Unha vez conseguido o rearmamento do país, o mandatario dixo que reducirá o gasto militar, pero advertiu que seguirá defendendo os intereses do país, tal como fixo en Crimea ou en Siria. Prometeu que a prioriadade do seu novo sexenio será reducir as desigualdades.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

19/03/2018