CRTVG

Buscar

Purificación García recibe o Premio Nacional de Moda a toda a súa traxectoria profesional

Publicado o 17/07/2017 14:08

A entrega dos galardóns estivo presidida pola raíña Letizia. A deseñadora xa conta con tendas en catro continentes con 2.500 empregados

Purificación García recibe o Premio Nacional de Moda a toda a súa traxectoria profesional.

A entrega dos galardóns, presidida pola raíña Letizia, foi está mañá en Madrid. Purificación García ve recoñecida unha carreira profesional que comezou en 1975. E que lle chega á firma ourensá de Téxtil Lonia cando está embarcada nunha gran expansión internacional. Ten xa tendas en catro continentes e conta con 2.500 empregados.

Purificación García foi a primeira marca que lanzou ao mercado a empresa galega Sociedade Téxtil Lonia, con sede en Ourense, creada pola familia Domínguez, irmáns do deseñador Adolfo Domínguez. Corría o ano 1998 cando a deseñadora asinaba un convenio con esta firma para deseñar, fabricar e distribuír dende esta fábrica no Pereiro de Aguiar unha liña de roupa femenina e outra masculina así como accesorios. Tras consolidarse en España e Portugal decidiron expandir o negocio ao mercado americano. Actualmente conta 350 puntos de venda en todo o mundo.Ademais da marca Purificación García, Téxtil Lonia tamén deseña, produce e comercializa dende o ano 2000 roupa e complementos da firma Carolina Herrera.  Neste intre conta cun cadro de persoal  de 2.500 empregados e ten tendas en catro continentes. No último exercicio facturou máis de 330 millóns de euros o que a converte na segunda empresa galega de moda máis importante.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2017