CRTVG

Buscar

Puigdemont volverá o 4 de outubro a Sardeña para prestar declaración

Publicado o 25/09/2021 21:32

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont anunciou esta tarde que o 4 de outubro estará en Sardeña para a audiencia coa xustiza italiana. Asegurou que a posta en liberdade sen medidas cautelares é unha mostra de que a súa argumentación política e xurídica é sólida.

Puigdemont reapareceu nun paseo por L'Alguer despois de saír do cárcere este venres. Quixo manter a axenda prevista que o levou ata alí e participou no encontro entre a cultura catalá e a sarda. Explicou que foron unhas horas difíciles pero que a resolución da xustiza italiana é unha mostra da solidez dos seus argumentos.

O president da Generalitat, Peré Aragonès, que acudiu xunto co vicepresidente ata Sardeña para mostrarlle o seu apoio, insistía en que a liberdade non será completa ata que non poida volver a Cataluña como un cidadán libre.

"Nós esiximos, unha vez máis, a retirada de todas as ordes de detención, a finalización da represión contra o movemento independentista e a reclamación dunha solución política que debe ser a amnistía e o recoñecemento do exercicio do dereito á autodeterminación", asegurou.

Puigdemont está citado para o próximo catro de outubro polas autoridades xudiciais italianas, que deberán decidir se o deixan en liberdade ou o entregan a España. Xa anunciou que estará para esa comparecencia pero este luns volverá a Bruxelas para continuar coa actividade parlamentaria.

Noticias web

25/09/2021