CRTVG

Buscar

Puigdemont irá ao Congreso só se antes hai acordo co Goberno sobre o referendo

Publicado o 19/05/2017 20:59

É a respota do presidente catalán á proposta do Goberno de levar a proposta do referendo ao Parlamento

O Goberno español convida o presidente da Generalitat a que presente a súa proposta de referendo soberanista no Congreso e intente convencer os grupos parlamentarios de que se debe cambiar a Constitución. Carles Puigdemont insiste en negociar antes de ir ao Parlamento español.

O Goberno non quixo agardar á conferencia que vai pronunciar o luns en Madrid o presidente da Generalitat e, tras discutilo na reunión do Consello de Ministros, a vicepresidenta, Sáenz de Santamaría, propúxolle a Puigdemont que presente a súa proposta de referendo de independencia no Congreso dos Deputados. 

"O señor puigdemont pode formular a súa proposta no Parlamento e intentar convencer os grupos de que é necesario reformar a constitución" di Sáenz de Santamaría.

A vicepresidenta lembra que xa hai precedentes dun debate deste tipo. En 2005 o daquela lehendakari, Juan José Ibarretxe, explicou o seu plan independentista no Congreso, votaron, e perdeu. Sáenz de Santamaría confía en que o presidente da Generalitat acepte a invitación, da que estaban informados tanto o PSOE coma Ciudadanos.

Puigdemont entende que hai un cambio de ton do Goberno español e insiste en negociar. "Estamos dispostos a negociar os termos do referendo e se chegamos a un acordo someteriamolo a votación no Parlamento e no Congreso dos Deputados" di Puigdemont. O PDeCAT, a antiga CiU, presentou unha moción no Congreso onde insta o Goberno a pactar coa Generalitat a celebración do referendo, incluída a data, a pregunta e a aplicación do resultado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/05/2017