CRTVG

Buscar

Puigdemont: "Gobernan desde Madrid os que din que non se pode facer desde o exilio"

Publicado o 13/01/2018 21:39

PP, PSOE e Ciudadanos critican que Puigdemont poida ser investido por vía telemática

O ex-presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, afirmou hoxe que os que están gobernando Cataluña desde Madrid non son os máis indicados para dicirlle a el que non a poderá gobernar desde Bruxelas.A prioridade de Esquerra é empezar a recuperación das institucións coa elección da Mesa do Parlament, onde a CUP reclama un posto se é para materializar a república catalá. 

A catro días de constituírse o novo Parlamento, Artur Mas fixo efectivo o seu adeus á presidencia do PdeCAT e á primeira liña da política. Ante a dirección do seu partido, Mas atribuíuse o mérito de levar boa parte da sociedade catalá desde o autonomismo ao independentismo.Mentres, nunha mensaxe por videoconferencia, Puigdemont respondeulles aos que lle din que non podería gobernar desde Bruxelas:"Gobernan sen ningún rubor Cataluña desde Madrid, e esa distancia non lles preocupa, co catro por cento dos votos dos cataláns, e din que non se pode gobernar desde o exilio e a prisión, co voto do 47 por cento dos cataláns".

Esquerra Republicana entende que o obxectivo, agora, é facer valer a maioría independentista desde a mesma sesión constitutiva da cámara catalá:"O primeiro paso é constituír este mércores que vén o Parlamento de Cataluña, e elixir a súa Mesa, e é hora de dar un paso indispensable para non malbaratar a vitoria que tivemos nas urnas".

Aínda que non pide que se lle deixe formar grupo propio, a CUP reclama un posto na Mesa, sempre que esta se poña ao servizo da república:"Interésanos que a acción sexa republicana. Se vemos que esta maioría non fai ese traballo, que fai un traballo autonómico, nós marcharemos".

Se os electos presos ou en Bruxelas non poden tomar posesión do seu escano o día 17, fará de árbitro Cataluña en Comú, que pon condicións:"Que senten, e que fagan unha proposta que poida gobernar Cataluña desde Cataluña, non desde Bruxelas".Os "comúns" din que ninguén é imprescindible, aínda que ofréecense para poñer fin á provisionalidade do Goberno de Soraya Sáenz de Santamaría.

A catro días da elección da nova mesa do Parlament, desde Ciudadanos pídenlles aos Comúns que rectifiquen e non deixen que os independentistas presidan a cámara catalá. Desde o Partido Popular, advertencia aos independentistas, de que non aceptarán que un "ciberpolítico" controle a vida dos cataláns. E avisos tamén este sábado desde as filas socialistas. Para Pedro Sánchez un presidente inconstitucional non pode liderar o Goberno de Cataluña.

Tras insistir en que en Cataluña non "vai funcionar nunca a vía unilateral", o secretario xeral do PSOE, advertiu de que a próxima lexislatura non pode estar liderada por un presidente inconstitucional.

"Se en Cataluña non goberna un presidente para todos os cataláns, perderán todos os cataláns. A segunda, é que en Cataluña tense que abrir unha lexislatura constitucional e iso significa que non pode estar liderada por un presidente inconstitucional", dixo Sánchez.

Desde o Partido Popular, advertencias para Puigdemont: non aceptarán que un "ciberpolítico" controle a vida    dos cataláns.

"O de querer facer unha investidura por teleconferencia paréceme que é máis propio da ciberdemocracaia ou dos ciberpolíticos, que non da realidade que se necesita en Cataluña. Así que ningunha broma, señor Puigdemont, non se vai aceptar ningunha broma nin que se fagan investiduras en contra do regulamento do Parlament. Nin ciberdemocracia, nin ciberpolíticos", afirmou Levy.

Mentres, Ciudadanos culpa aos Comúns de bloquear un cambio na presidencia do Parlament."Podemos deu un portazo para que o Parlament poida ter un presidente que non salte as leis, un presidente que sexa de todos os cataláns, un presidente que respecte a democracia, o Parlament, o seu regulamento, as opinións dos letrados. Recuperar en definitiva, a normalidade institucional", dixo De Páramo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2018