CRTVG

Buscar

Publican un libro para axudar os pais de nenos prematuros

Publicado o 15/11/2019 14:57

Dous pediatras de neonatoloxía da Coruña acaban de publicar un libro para que as familias con nenos prematuros entendan o significado dos termos médicos máis usados nos seus casos. O obxectivo é facerlles máis fácil o proceso de sacar adiante os nados antes de tempo.

Bárbara estaba embarazada de 25 semanas cando lle dixeron que a súa filla Adriana podía nacer en calquera momento. Cambiaron as súas preocupacións e prioridades e deixou de entender moitas das cousas das que falaban os médicos.

"Entonces daste conta de que xa non é tan importante a cor da que vas pintar o cuarto ou que faldón que lle vas poñer, senón que naza viva. Cando baixas a vela, vela aí dentro, na incubadora, pequeniña. Chegou a pesar 740 gramos. Cables, vías, sondas. Empezas a escoitar un novo vocabulario, que se apneas, que se bradicardia, que se alimentacion parenteral...", conta Bárbara.

Para evitar este desconcerto e axudar os pais a entender a situación á que se enfrontan, os pediatras Alex Ávila e Loli Eiriz, da Unidade de Neonatoloxía do Hospital da Coruña, publicaron o libro Pequenos heroes, cen palabras que as familias dos nenos prematuros queren entender.

"O que buscamos é darvos unha ferramenta amable, de calidade, que facilite coñecer e comprender todo iso ao que tedes que enfrentarvos", explica Loli Eiriz, supervisora da Unidade de Neonatoloxía do CHUAC e coautora de Pequenos heroes.

O libro presentouse hoxe na Fundación Jove, onde pais con nenos nados antes de tempo aplaudiron a iniciativa.

Noticias web

15/11/2019