CRTVG

Buscar

Publicada no BOE a orde pola que os nenos poderán saír a partir do domingo

Publicado o 25/04/2020 11:01
Publicada no BOE a orde pola que os nenos poderán saír a partir do domingo

O Boletín Oficial do Estado (BOE) acaba de publicar a orde pola que o Ministerio de Sanidade autoriza que os menores de 14 anos poidan saír a partir do domingo unha hora diaria á rúa, entre as 9:00 e as 21:00 horas, a un máximo de 1 quilómetro das súas casas. 

Non poderán facelo aqueles que presenten síntomas ou se atopen en illamento domiciliario por diagnóstico de coronavirus. Tampouco os que se atopen na corentena por ter contacto con algunha persoa diagnosticada ou con síntomas. 

"Poderase circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas". Non se permite acceder a "espazos recreativos infantís ao aire libre, así como a instalacións deportivas". 

A saída "deberá realizarse como máximo en grupos formados por un adulto responsable e ata tres nenos ou nenas" e durante o paseo haberá que manter "unha distancia interpersoal con terceiros de, cando menos, dous metros".

Noticias web

25/04/2020