CRTVG

Buscar

Ópticos e optometristas fórmanse nas novidades do sector

Publicado o 20/10/2019 23:05

A nosa visión pode mellorar co adestramento axeitado. Contóunolo unha óptica-optometrista especialista en visión deportiva. É un dos últimos avances en optometría. Outro: as novas lentes de contacto que corrixen a miopía.

Estas lentes cegan por momentos a persoa que as leva e obrígana a anticipar o desprazamento exacto que fará a pelota. Din os especialistas que o adestramento con elas pode mellorar o rendemento dun futbolista. Aseguran que as habilidades visuais determinan o éxito dun deportista, pero tamén do cativo que aprende a ler.

Marisol García Rubio, optometrista especialista en visión deportiva: "En deportiva medimos moitisimo a precisión nos movementos e non hai precisión máis importante que cando lemos, cando fixamos unha letra ou saltamos á seguinte". "Non sei que é máis difícil se encestar a tres metros ou ler un libro".

Os problemas de visión moitas veces son silandeiros, polo que os ópticos e optometristas advirten da necesidade de facer exames completos e rutineiros aos nenos dende pequenos.

Marisol Garcia Rubio, optometrista especialista en visión deportiva: "A un neno pódeselle valorar desde que nace, nada máis nacer xa podemos saber o que ve, no hospital. A partir de aí non hai unha idade, pero por supostísimo dende os tres anos un exame completo e logo os cursos impares, que son os máis difíciles".

Uns doscentos profesionais participan nas terceiras Xornadas de Optometría en Santiago. Unha ducia de relatores achegan os últimos avances, como as lentes de contacto para durmir que corrixen a miopía ou as especiais para pacientes con problemas na córnea.

Juan Carlos Montalt, doutor en optometría: "Unha persoa que ao mellor só ten un vinte por cento de visión porque ten unha superficie ocular alterada, podemos conseguirlle case dobrarlle a agudeza visual e sobre todo a calidade de visión que iso repercute na súa calidade de vida".

1.200 profesionais constitúen o Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia, que organiza estas xornadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019