CRTVG

Buscar

PSOE, PP e Vox impiden tramitar a primeira lei para regular o cánnabis

Publicado o 19/10/2021 19:20

EFE/ Fernando Villar

EFE

O voto en contra de PSOE, PP e Vox impediu a toma en consideración da primeira proposición de lei integral para a regulación do cánnabis, que chegou ao pleno do Congreso, da man de Más País, por "saúde, economía e liberdade" e para quitar ás mafias o control da substancia.

Na defensa da iniciativa este martes, o líder de Más País Íñigo Errejón lamentou o voto en contra do PSOE ao asegurar que se perde unha oportunidade histórica para evitar que se consuma baixo o control das institucións e non das mafias. O deputado cualificou como esencial o debate sobre a legalización do cánnabis, cuxo consumo non para de crecer, o cal demostra que a prohibición non evita o seu uso senón que potencia que se faga "sen protección, control, etiquetaxe e xerando beneficios ás mafias".

Segundo a enquisa Edades, do Ministerio de Sanidade, uns 3,2 millóns de cidadáns de entre 15 e 64 anos consomen de forma habitual (máis de 20 días ao mes). "Vostedes cren que coa aprobación da regulación se vai consumir máis? Non sei onde viven, pero no país en que vivo eu non hai nin un só español que, se quere consumir, non o faga", subliñou o dirixente de Más País, ao comentar que "falta coraxe e honestidade" no Parlamento "para abrir un debate que na rúa é normal".

Daniel Vicente Viondi cuestionou a proposta de Errejón desde o PSOE: "Non sei en que rúa vive vostede, pero sabemos que a día de hoxe as adiccións son un problema". Tras asegurar que a proposta de Más País está "mal feita" e carece de "rigor xurídico", subliñou que o debate da legalización do cánnabis "nin está na rúa nin ten un apoio maioritario da sociedade". Rexeitou a iniciativa, pero mostrouse favorable a debater o uso terapéutico da sustancia no marco da subcomisión do Congreso que se creou a semana pasada, a proposta do PNV.

Para Elvira Velasco, do PP, "ante maior accesibilidade, menor é a percepción do risco ante o seu consumo", polo que criticou a Más País por mandar mensaxes "contraditorias e incongruentes" aos mozos. 

Cs cre que a actitude ante o cánnabis foi "covarde" e elixiuse non tocar un debate para o que a sociedade está preparada, segundo Guillermo Díaz, que apoiou a iniciativa, "aínda que necesita moitas emendas". Tamén apoiou a iniciativa Podemos, que presentou unha segunda proposta de lei para regularizar o cánnabis, sen considerar o seu uso terapéutico, porque asociacións de pacientes pediron "non mesturar a dimensión medicinal con outras cuestións", segundo Lucía Múñoz.

Noticias web

19/10/2021