CRTVG

Buscar

PSOE, Podemos e Cs secundan as mobilizacións do 8-M, das que se desmarca o PP

Publicado o 08/03/2019 15:01

Ciudadanos participará nas manifestacións convocadas para esta tarde, aínda que non comparte o manifesto. Esta mañá reivindicaron a figura de Clara Campoamor como feminista liberal.

O presidente do partido, Albert Rivera, declarou que "España é un país onde todos xuntos, máis alá de ideoloxías, temos que ir da man para seguir avanzando. España non necesita dar pasos á esquerda nin á dereita en materia de igualdade, necesita dar pasos cara adiante".

Podemos apoia sen reservas a folga. Membros da cúpula participarán nas mobilizacións, aínda que prefiren que o protagonismo nesta xornada recaia nas organizacións convocantes.

O Partido Socialista tamén anunciou que secunda as manifestacións, nas que participarán destacadas dirixentes da formación, entre elas a vicepresidenta Carmen Calvo e diversos ministros e ministras.

Quen non apoia a convocatoria é o Partido Popular, por considerar que está politizada, e fan o seu propio chamamento.

"É inadmisible para nós e aventúrome a dicir que é inadmisible para moitísimas mulleres en España. A violencia contra as mulleres, a discriminación salarial, a desigualdade, tense que combatir remando todos na mesma dirección, por suposto, tamén os homes", declarou Pablo Casado, presidente do PP.

Noticias web

08/03/2019