PSOE e UP inician a campaña para conseguir o apoio das bases á coalición de goberno
PSOE e Unidas Podemos inician a campaña para mobilizar as súas bases a favor dun goberno de coalición progresista. 190.000 militantes socialistas e 500.000 inscritos en Podemos teñen nas súas mans a decisión de apoiar este pacto, e desde as direccións dos partidos non dubidan de que conseguirán os apoios. Mentres, as negociacións cos grupos minoritarios seguen de xeito discreto.
Pero, de momento, Esquerra Republicana de Cataluña segue no non á investidura. Piden concreción e un calendario para unha mesa de negociación, mentres o PSOE insiste en apelar á mesa de partidos cataláns do Parlament. As negociacións seguen con discreción. Nelas non participa Unidas Podemos. Entenden os de Iglesias que esa discreción é necesaria para que o pacto prospere.
Á coalición entre PSOE e Unidas Podemos referiuse tamén o ex-presidente Aznar, que considera que pode agravar a crise do sistema, e proponlle ao PSOE a alternativa dunha alianza co PP e C's, pero que deixe fóra a Pedro Sánchez. A proposta parécelle ben a Vox, Ciudadanos pide un xiro ao centro, e no PP din que se Sánchez non rectifica, debe esixírselle máxima transparencia.
Mentres tanto, seguen as negociacións cos partidos rexionalistas e nacionalistas, onte foi a quenda do BNG, que se amosou aberto, pero esgrimindo a defensa da axenda galega.
Dentro de tres días, o 22, ábrese a votación en liña para os militantes socialistas. Os inscritos de Podemos están chamados a pronunciarse sobre a coalición co PSOE entre 23 e o 26.