CRTVG

Buscar

O Goberno asegura que Díaz liderará a negociación da reforma laboral

Publicado o 26/10/2021 15:23

• Moncloa quere que distintos ministros participen no diálogo social

• Bruxelas advirte de que vixiará o cumprimento do plan español

O PP acusa a Sánchez de ter un dobre discurso

EFE

A Moncloa admite que a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, lidere a mesa de diálogo social sobre a reforma laboral, pero defende que debe de haber presenza nela da parte socialista do Goberno e que se debe buscar unha metodoloxía de coordinación de diversos ministerios.

Despois de que o PSOE e Unidas Podemos non lograsen o luns un acordo na mesa de seguimento do seu pacto de coalición en relación con esa reforma, ambas as partes lanzaron un día despois mensaxes nos que rebaixan o enfrontamento e apuntan a que o obxectivo é o consenso.

Por parte do lado socialista do Goberno, tanto a ministra de Política Territorial e portavoz, Isabel Rodríguez, como a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, quixeron deixar patente que aceptan que Yolanda Díaz, como titular de Traballo, sexa a que encabece a negociación da reforma cos axentes sociais.

Rodríguez, na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, considerou que é normal que, polas súas competencias, Díaz exerza ese liderado. Pero á vez precisou que tamén é razoable que nela senten membros doutros ministerios que se van ver afectados. "Non se entendería que unha parte importante do Goberno non participase nunha reforma tan transcendental como a laboral", agregou.

Na mesma liña, Calviño, cuxa actitude de "inxerencia" ante esta reforma, segundo Unidas Podemos, motivou que a formación 'morada' pedise a reunión do grupo de seguimento do pacto, asumiu tamén publicamente o liderado de Díaz na negociación. Afirmou que non ten ningún inconveniente pare iso aínda que insistiu en que é imprescindible a coordinación entre ministerios e en que se está falando sobre a metodoloxía que se debe seguir.

Fontes socialistas do Executivo incidiron que unha cousa é liderado e outra metodoloxía. "Con Podemos non hai ningún problema de prazos, nin de contidos, nin de calendario, senón de metodoloxía, de ver como se coordinan os diversos ministerios, e iso non é ningunha inxerencia", precisaron insistindo así mesmo en que a parte socialista debe estar presente na negociación.

Tal e como expuxo o pasado venres o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, subliñaron que a reforma laboral non incumbe só a Traballo, senón a outros departamentos como Economía, Facenda, Educación e Inclusión e Seguridade Social. Ante a pregunta de se descarta que se poida romper o Goberno e se está convencida de que poida aguantar ata 2023, Isabel Rodríguez, respondeu: "Estamos nun momento tan positivo para o futuro de España que merece a pena que o siga liderando este Goberno".

Unidas Podemos, por boca do seu portavoz na Cámara Baixa, Pablo Echenique, non ve perigar a coalición e cre que, a pesar das desavinzas, chegarase pronto a un acordo. "O desacordo deberíase liquidar estes días", subliñou Echenique, quen afirmou que as dúas partes "están a falar todo o tempo" e restou importancia a que a reunión de seguimento do pacto non frutificase: "É o pan o noso de cada día".

Fontes de Unidas Podemos explicaron que o luns non se chegou a un acordo co PSOE sobre a reforma laboral porque non se falou de contido, senón de quen debe liderar a negociación. Cuestionan que queira que participen nela varios ministros máis, todos eles socialistas, e expoñen que se desexan facer un reforma máis igualitaria, poderían incluír tamén no diálogo á titular de Igualdade.

Entre os grupos do Congreso, o PNV lamenta que o choque no seo do Goberno entorpeza avances na mellora da vida dos cidadáns, e ERC e EH Bildu aliñáronse con Unidas Podemos para derrogar a normativa laboral vixente.

No medio desta polémica, o Consello de Ministros deu o seu visto e prace a un anteproxecto de lei que provocara tamén tensión na coalición, o de vivenda. Foi a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, quen presentou o texto na conferencia de prensa posterior ao Consello. Pero nun xesto de reivindicación do conseguido por parte de Unidas Podemos, a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, antes de que Sánchez interviñese, publicou un vídeo en Twitter no que, desde o seu despacho, comentaba os detalles do anteproxecto. 

Sobre que se vai facer co mercado de traballo está moi pendente Bruxelas. O comisario Gentiloni, de visita en España, estivo hoxe no Congreso. Advirte sobre os cambios na reforma laboral, asegurou que a Unión Europea avaliará as propostas do Executivo español e agarda que non reste dinamismo á economía española.

Outro dos puntos de fricción entre os socios de Goberno é a retirada do escano a Alberto Rodríguez. O xa exdeputado pediulle este martes ao Tribunal Supremo que suspenda provisionalmente a execución da súa condena e que reprenda a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, por retirarlle a acta.

Noticias web

26/10/2021