CRTVG

Buscar

PSOE e Unidas Podemos pactan conxelar os soldos do Goberno no 2021

Publicado o 17/11/2020 16:46
PSOE e Unidas Podemos pactan conxelar os soldos do Goberno no 2021

Os grupos do PSOE e Unidas Podemos no Congreso dos Deputados rexistraron unha emenda conxunta ao proxecto orzamentario para conxelar o soldo dos membros do Goberno en 2021.

A emenda especifica que os soldos quedarán coas seguintes cuantías:

· O soldo do presidente do Goberno queda en 84.845,16 euros

· O dos vicepresidentes, en 79.746,24 euros

· O dos ministros, en 74.858,16 euros

· O do presidente do Consello de Estado, en 85.196,88 euros

· O do presidente do Consello Económico e Social, en 93.075,48 euros.

As emendas conxuntas presentadas por PSOE e Unidas Podemos inclúen tamén:

· 100.000 euros para organizacións do terceiro sector na loita contra a fenda de xénero dixital

· 50.000 euros para a Fundación Real Instituto Elcano de Estudos Internacionais e Estratéxicos

· 40.000 euros para a Academia da Llingua Asturiana, dotacións que saen doutras partidas.

Engádese ademais outra emenda co obxectivo de poder facer fronte ao pago das obrigacións xeradas en exercicios anteriores para a construción do Telescopio Europeo Extremadamente Grande do Observatorio Europeo do Sur, así como unha corrección técnica das bonificacións para aplicar e incentivar tráficos e servizos marítimos.

Nas emendas presentadas por PSOE e Podemos engádense propostas de beneficios fiscais para algúns eventos, conmemoracións ou aniversarios de fronte ao próximo exercicio e que, nalgúns casos, se estenden máis alá desa data ante eventuais atrasos ou aprazamentos pola pandemia.

Trátase por exemplo do 50 aniversario do falecemento de Clara Campoamor, do V Centenario do falecemento de Antonio de Nebrija, do 250 Aniversario do Museo Nacional de Ciencias Naturais, dos Mundiais de Balonmán ou de FITUR.