CRTVG

Buscar

O desencontro entre PSOE e Podemos esgaza a posibilidade dun goberno de esquerdas

Publicado o 11/09/2019 08:11

Hai pleno ordinario no Congreso e un cara a cara entre Sánchez e Iglesias, na sesión de control ao Goberno, que podería ser o última da lexislatura. Os equipos de ambas formacións amosaron onte claramente que esgazaron as negociacións, aínda que ningún dos dous partidos as quere dar por finalizadas. 

"Non hai unha vía para acadar un acordo. Unidas Podemos négouse en todo momento a acadar un acordo programático e tamén de gobernanza para este país", declaraba Adriana Lastra, do PSOE, ao termo da reunión. 

"Dixéronnos que se non hai un goberno formado unicamente por membros do PSOE se levantan da mesa de negociación. Isto parécenos un erro que conduce o país a eleccións anticicipadas", explicaba Pablo Echenique, de Unidas Podemos.

Había caras serias á saída da reunión, de catro horas, tras a que PSOE e Podemos suspendían as conversas. Ningún dos partidos certifica a fin do diálogo, pero neste momento a ruptura e unhas eleccións en novembro parece a opción máis viable se a situación non se reconduce. Os socialistas xa avisan de que Sánchez non irá a unha sesión de investidura sen un acordo programático pechado. Mentres, os chamamentos ao entendemento chegan desde os propios axentes implicados.

"Está enriba da mesa unha estratexia lexítima do PSOE de non querer gobernar coa esquerda, de non querer gobernar co espazo de Unidas Podemos. É lexítimo, pero abócanos a unha situación que lle proporciona unha segunda oportunidade á dereita reaccionaria deste pais", advertiu o líder de Esquerda Unida, Alberto Garzón.

A líder do PSOE andaluz, Susana Díaz, pedía responsabilidade: "Cando a xente fala con tanta claridade como en abril e votaron e pediron un goberno de esquerda e socialista en España teñen que deixar a Pedro que forme ese goberno xa".

Os resto dos grupos seguen á expectativa do que pase. Esquerra confía nun acordo no último minuto: "Nós o que lles pedimos é que fagan o favor de facer o seu traballo, de facer política e de acordar", dicía Gabriel Rufián.

Ana Oramas, de Coalición Canaria, considera absurdo "facer unhas eleccións para que PSOE e PP teñan cada un entre 15 e 20 deputados máis e levar a todos os cidadáns para en novembro iniciar de novo negociación porque non vai haber maioría absoluta".

Fernando Páramo, de Ciudadanos, cre que "non é un problema de política nin de poñerse de acordo no que queren facer, senón de repartir un goberno de España coma se fose un botín".

Desde o PP, o seu secretario xeral, Teodoro García-Egea PP, afirma que "asistimos a un novo episodio desa poxa a anacos que está facendo o PSOE con Podemos do Goberno de España".

O cara a cara entre Sánchez e Iglesias na sesión de control de hoxe tomará a temperatura das posibilidades de reconducir o diálogo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019