PSOE e Unidas Podemos chocan coa futura lei de vivenda
A futura Lei de vivenda segue xerando disputas dentro da coalición. A Podemos non lle chega coa proposta dos socialistas de ampliar o parque público, xa que considera que levaría moito tempo. Para Gerardo Pisarello, membro de Unidas Podemos na Mesa do Congreso, "fai falta un mentres tanto". Cre que "cando un ten 1 % de parque público, a única solución é regular os alugueiros abusivos".
O PSOE cuestiona a legalidade de intervir os alugueiros. O seu deputado Rafael Simancas, asegura que buscan seguridade xurídica, "non queremos ter unha norma que acabe entullada nos tribunais. Isto require análise, estudo e un pouco de tempo", declarou aos xornalistas.
E outra discrepancia relativa á monarquía. Hoxe, partidos independentistas volveron pedir unha comisión de investigación no Congreso sobre as finanzas da familia real, pero a iniciativa decaeu ao votar o PSOE en contra porque considera que lle corresponde ao Congreso dos Deputados o control da coroa.
En canto ao Consello Xeral do Poder Xudicial, Podemos insta o PSOE a reactivar a proposición de lei para reducir a maioría necesaria para renovalo, saltando así a falta de acordo co PP.